quarta-feira, junho 29, 2005

O mañá xa está aquí

Non son persoalista, creo nos proxectos colectivos e creo na sociedade no seu conxunto, como determinante das grandes tendencias. Mais hai momentos nos que as persoas, individualmente, xogan un papel fundamental. Por aí hai unha a que lle toca nestes días ser protagonista. Móvese como peixe na auga na realidade política que nos proxectan diariamente ... Xa xogamos nunha división diferente, presinto que as ferramentas, os métodos, as dinámicas de sempre van quedar obsoletas moi rápido...

Pero máis importante para o futuro, se cabe, é o que hai que facer na casa. Son momentos clave e as apostas están moi altas. Eu téñoo claro, quero o BNG que vin na campaña, quero un país novo.

terça-feira, junho 28, 2005

REMATOU A ERA FRAGA

Non foi como desexabamos pero rematou a era Fraga na Galiza. Deixao ir...

Agora toca governar, con moito "sentidiño" e sen esquecerse de que temos unha tarefa complicada pero para a que só nós traballaremos: facer país. Colocar a Galiza no mundo, cunha perspectiva aberta e cosmopolita, facernos orgullosos de ser e de estar contribuíndo á diversidade...

Imos aló.

domingo, junho 26, 2005

DESPOIS DAS ELEICIÓNS ... Seguimos

Algunhas reflexións posteleitorais:

- No telexornal de Telecinco adícanlle máxima atención ao reconto do voto emigrante, contrasta coa TVG onde vai de 4ª ou 5ª nova, sen apenas importancia. Por certo, ao PSdG-PSOE xa lle chaman só PSdG,... matizando un matiz inexistente.

- As eleicións galegas non implicaron rachadura algunha do imaxinario político da corte madrileña. PP e PSOE, PSOE e PP, neso se resume o seu universo partidista. Desta volta os galegos facilitámoslle a tarefa...

- É un escándalo o do voto emigrante. Veño de escoitar a Cortizo admitindo as escasas garantías de transparencia dese voto. Cabería preguntarse que fixo o seu partido para solventar esa anomalía democrática que tantos problemas pode causar... Hoxe tamén lin a Lugilde, botando merda contra todos os partidos... incluído -ben clariño- ao BNG porque disque tamén foron en visitas institucionais a Argentina. Esquece quen propuxo, varias veces, a reforma da normativa eleitoral. Apenas pode agochar ese tufo a odio desmedido cara o nacionalismo...

terça-feira, junho 21, 2005

THE HUMAN AGENCY

Que fixemos mal? Preguntas para o escaparate:

- Por que non se abordaron explicitamente os problemas estructurais do BNG na XI Asamblea?

- Por que non se fixo un esforzo integrador da lista alternativa?

- Por que non se renovou a lista para o congreso en 2004?

- Por que se fixo unha renovación para as autonómicas onde se prescindíu de moi bos parlamentarios?

- Por que todos os partidos, agás un, cederon na confección das listas?

- Por que no BNG semella que hai dúas sensibilidades, dous xeitos de ver o país, dous xeitos de comprender o mundo, dous mundos enfrontados????

- Por que nós o temos que facer todo ben e aos do PSOE chégalles governar en Madrid? ... esto non entra dentro da human agency... xa sei...

ASÍ SON AS COUSAS

O anterior post é producto do meu eterno e inocente optimismo. Desta volta sen embargo non levei tan mal os resultados. Mesmo me atrevo a facer unha análise fría e obxectiva aínda sabendo que no será tal pois estou convalecente do "shock" eleitoral.

Hai varios "flashes" en forma de expresións que me veñen a cabeza:

- Non hai "país" (dios cantas veces dixen esto dende que estou no BNG...)
- Os galegos desalienámonos escoitando a Ser e vendo Telecinco... (dicía, palabra máis palabra menos, unha famosa blogueira ...)
- Os resultados obtidos polo BNG nas eleicións xerais son a súa vez resultado dos 15 anos de governo Fraga (en contrate co ocorrido en Catalunya e Euskadi -isto linllo a Barreiro Rivas).
- "nestas eleicións xógase moito, incluso a presidencia da "nación"... (declaracións dun militante do PSOE do rural... convenientemente contestadas por min e a nosa militante decana...)

En fin, vistos en perspectiva e para un usuario precavido da análise estructural, direi que os resultados das eleicións e en particular do BNG, manifestan unha tendencia histórica que caracteriza este tempo no noso país. O feito nacional galego, se podemos usar estos termos, dilúese... non diante dunha onda globalizadora, non. Dilúese fundamentalmente no feito diferencial "español". De xeito rápido, ademáis... Habería que analisar o papel dos medios de comunicación de masa neste proceso... (papel, este si, común a todas as sociedades actuais...).

Non se foi capaz, apenas, de contrarrestar este fenómeno político e social. As ferramentas de governo coas que nos dotamos nos tres últimos lustros xogaron, na realidade, a favor desta tendencia. Tan só o mundo da creación cultural resistíu... a ver se o segue a facer.

Neste contexto atrévome a dicir que:
- O medre do nacionalismo político-institucional en Galiza non tivo unha traslación proporcional en canto a medre do nacionalismo na sociedade. Non sabería dicir que responsabilidade ten nisto no propio nacionalismo político, algunha -supoño- pero non a principal.
- O bipartidismo segue sendo, por tanto, o elemento dominante do sistema político galego. Nada que ver con Euskadi ou Catalunya...

Ergo... para a análise dos resultados penso que:

- Os resultados do BNG decepcionan só aos que estamos no BNG, especialmente aos que nos crimos que xogabamos a ser alternativa de governo.
- Será difícil superar ese 20-25% pois esta porcentaxe supera xa ao "nacionalismo" sociolóxico.
....

Outro día sigo, agora estou canso. Xa sinalei que era un estructuralista precavido e tampouco son determinista. Algo haberá que facer, digo eu... tamén son optimista. O problema é a situación coxuntural que se creou no BNG con estes resultados. A marxe de maniobra é pouca e o camiño a seguir... a saber cal é.

terça-feira, junho 07, 2005

QUIN PRESIDENTE

Ía co debate gañado porque era o único candidato que tivo a decencia de debater. Pero ademáis gañou pola capacidade de convencer e de transmitir ilusión, que é a que nos fai falla neste país.
Hai cousas que eu botei de menos, por suposto, coma a aposta pola I+D+i, pola formación da man de obra. En calquera caso, no programa está ben clariño este tema. Noutras non estivo quizais, acertado de todo. Os 50.000 empregos son unha aposta modesta, o staff económico do BNG debería estar atento a iso. Moito énfase en Canarias, cando a xente máis preparada marcha a outras zonas menos periféricas (non só do Estado, tamén de Europa!!!) a traballar no seu, en traballos de alta cualificación: formamos xente e logo botámola. Faría falla tamén un guiño aos inmigrantes que chegan, en escaso número, pero logo serán un colectivo a ter en conta...

Sen embargo acertou no resto: O emprego é, efectivamente, o principal problema do país. Non as infraestructuras, o cemento, cuestión a que se agarra o PP, para de xeito hipócrita alzarse agora como defensores do país. Falou da industria da creatividade... canta falla facía que o discurso do BNG se modulara nesa dirección. Falou de proxectarse no futuro e no mundo, coa nosa historia, con vimbios que temos.

É o presidente que necesita este país, sen dúbida. Un presidente novo para un país novo.

quarta-feira, junho 01, 2005

OUTRA EUROPA É POSIBEL?

Do que lle teño lido e escoitado a Santiago Carillo teño que dicir que non recordo ocasión algunha en que as súas opinións me pareceran desacertadas.

Desta volta, nun artigo de El País, fálanos do "non" francés e danos conta do seu trascordo en relación a votación do tratado constitucional. Vincula o non francés (e os que están por chegar...) a un desencanto co establishment político, en particular coas esquerda europea socialdemócrata actual, que non é quen de parar ao neoliberalismo no seu continuo minar do Estado do Benestar. O trascordo vén porque recoñece que en España se votou (el favorabelmente) este tratado minimizándose a lonxanía aos cidadáns coa que foi confeccionada e o propio tufillo neoliberal que desprendía.

Penso algo semellante e comparto o seu trascordo (aínda que eu votei en branco, non é por nada...). Quizais non somos o suficientemente conscientes de que este tempo histórico está marcado pola ruptura (ou, desexo, intento de...) dun modelo social e económico determinado. Esto non o podemos esquecer os que nos sentimos e denominamos esquerda política.

É optimista e pensa que quizais isto sirva para repensar o camiño da esquerda e para soñar aquelo de "outra Europa é posíbel". Non é doado e o camiño está por descobrer... pero digo eu que haberá que tentalo.
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet