quarta-feira, julho 11, 2007

EQUIDADE, IGUALDADE E OUTRAS LERIAS

En relación aos 2.500 € ao mes por raparigo nacido xurdiron algunhas opinións que dan lugar a discusión.

Primeiro, efectivamente, electoralista é moito. Non só porque existe unha carencia obvia de servizos de atención a infancia (aínda que esta é unha competencias asumida polas comunidades autónomas). Moito máis interesante tería sido prolongar, canto menos até os 6 meses, o permiso por maternidade. Os que coñecen algo o mundo da empresa, e sobre todo as nais, saben o curto que se quedan os 4 meses. E os custes económicos que a uns e a outros lles xenera.

A cerca da regresividade da medida tamén ten bastante de certo. Non ter en conta a renda da nai, pai ou da parella, destinatarios das axudas, non resulta equitativo. Aínda que sexa igualitario, non é equitaitivo tratar de igual xeito a realidades diferentes. Ao fío desto compre, sen embargo, sinalar que isto non se entende de xeito igual en tódolos sitios. Un exemplo son as axudas a estudantes universitarios.

Chamoume a atención, nunha estadía en Dinamarca, como os estudantes universitarios dinamarqueses accedían a (elevadas) axudas para vivendas e estudos, independentemente da renda familiar. Cuestionada por min a equidade de tal medida, pois en Galiza-España, é ben sabido que os estudantes reciben bolsas en función da renda das súas familias, a resposta foi contundente. Para que exista verdadeira igualdade (e alí algo saben diso) o trato do Estado ten que ser idéntico, independentemente dos recursos das familias dos estudantes.

Pódese comprobar que, no caso dinamarqués, o estudante é un suxeito de intervención das políticas públicas en si mesmo, diferenciado das súas familias. Dese xeito consíguese tamén dotar de autonomía aos mozos e mozas, independentemente das rendas familiares, autonomía que non obterían os xovenes de familias con recursos, de utilizarse o noso modelo.

É unha proba de que como medidas que nalgúns sitios resultarían regresivas, noutros lugares conseguen promover a percepción de igualdade e as posibilidades de liberdade individual.


Equidade: Cualidade que consiste en dar a cada un o que se merece en función dos seus méritos ou condicións.
Igualdade: Condición ou circunstancia de ter unha misma natureza, cantidade, calidade, valor ou forma, ou de compartir algunha cualidade ou característica.

POLÍTICA EXTERIOR


Ao fío do informe presentado polo ex-presidente Laxe en relación á acción exterior de Galiza, dúas reflexións:


a) A política exterior é a grande esquecida do BNG. O problema non é que isto se deba exclusivamente ao resultado das negociacións, é que o BNG non ten estratexia internacional seria. É mostra tamén da pobreza de ideas nas que se move o bloque, atrapado entre posturas anquilosadas de cara a galería (interna) e o pragmatismo-populismo máis ramplón. Hai vimbios, pero non hai quen se poña a facer cestos.

b) Da rabia que sexa o PSOE quen tome a iniciativa neste sentido, independentemente de que lle tocara nas competencias. Rabia polo exposto antes, e rabia porque -en realidade- non se pode confiar en que o PSOE vaia a practicar unha política exterior seria para Galiza. Para facelo, hai que concibir Galiza máis alá dos pirineos, cousa que -polo que se ve- só lle entra no maxín a algúns (poucos) nacionalistas.

c) Perdón, son tres ideas; dende vicepresidencia tamén se fai política internacional.

terça-feira, julho 03, 2007

DECRETO E PAÍS

Só unhas breves reflexións ante a gravidade da posición do PPd¿G? sobre o decreto do galego no ensino e que veñen a reforzar o dito hai un post.

Non se pode negar que o teléfono vermello con liña directa a Génova tivo moito que ver. Pero tampouco podemos levarnos a engano. A postura do PP responde tamén a unha pulsión ideolóxica xa visíbel tamén na sociedade galega. É reflexo dunha base social fortemente españolizada e por tanto allea a todo o que ten que ver co galeguismo... e co galego. É nidiamente urbana... e aí están os resultados das municipais para corroboralo. Non chega a ser maioritaria neste momento, é verdade, aínda que está agromando, acendida polos altofalantes madrileños, polo clima de confrontación que a dereitona impulsou.

Aínda así, aí está, e vén para quedarse por moito tempo. E moito ollo, non responde unicamente a posturas cercanas ao PP.

Sen dúbida é o triste legado de 16 anos de Fraga, aínda que paradoxalmente con el o consenso na normalización lingüística (de iuri, non de facto) estaba asegurado.
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet